NOTA DE PRENSA A.VV. “BARBAÑA” Asunto: Novos vertidos no Río Barbaña. No día de hoxe, empezando o novo ano e cando estamos ainda a gozar da ledicia dos agasallos de Reis o Río Barbaña baixaba cheo dunha capa de escuma branca que discorría ao longo de toda a canle que ven dende a zona da Finca Sevilla e Seixalbo. Estando sen solucionar, nen clarexar o acontecido no mes de Xuño do 2009, nesta Asociación vemos como, desgraciadamente, se cumpren os vaticinios que levamos denunciando ao longo destes anos. Non é ningún merito pois son “profecias” que son moi doadas de prever ante a inacción, parálise e falta de interese das Administracións responsables do coidado e vixilancia deste río. No mes de Novembro do 2009 esta Asociación xunto coas de Seixalbo e Ponte Noalla témonos personado como acusación particular ante a fiscalía de Ourense no caso relacionado cos vertidos que saíron da depuradora de San Cibrao das Viñas e aínda estamos á espera de que se nos comunique a admisión da mesma. Neste caso, considerado de extrema gravidade e que podemos calificar de “actitude criminal” por parte dos contaminadores, non se ten efectuado, nin tomado ningunha medida para que non se volvan a reproducir estas situacións. Os Concellos de San Cibrao, Barbadás e Ourense quedáronse en declaracións formais, a Confederacion Hidrográfica leva ameazando con multas e expedientes que nunca acaban de visualizarse e os contaminadores “campan ás súas anchas” pois todo lles sae gratis. Unha vez máis, e non nos cansaremos de insistir, señoras e señores da Administración déixense de boas palabras e de facer titulares para os medios de comunicación e pasen aos feitos. Non continúen caendo no descrédito e distanciándose da cidadanía. Menos palabras e máis responsabilidades. Ourense 7 de Xaneiro do 2010 Asdo Xunta Directiva
|